Thursday 02 de May de 2024

Concello e Xunta cooperan na retirada dos pélets da praia de Caión


O Concello tamén colabora coa Asociación Ambiental Senda Nova na Xornada de voluntariado para a sensibilización e limpeza de microplásticos de mañá sábado.

Desde que o pasado luns se detectou a chegada de pélets á praia de Caión, o Concello ten mobilizada unha brigada municipal de limpeza que leva desde ese día actuando para retiralos do areal.
Na xornada de onte incorporouse tamén ao traballo en Caión un equipo de Tragsa que foi mobilizado pola Xunta de Galicia e que xa actúa en coordinación cos citados operarios municipais.
Os labores estanse a realizar por medios exclusivamente manuais e sen maquinaria para tratar de evitar, na medida das posibilidades, que os pélets queden soterrados e retirar da praia a menor cantidade de area.
O material recollido está a ser almacenado e custodiado polo Concello para derivalo ao punto de tratamento correspondente unha vez sexa indicado polas autoridades competentes.
Xornada de voluntariado para a sensibilización e limpeza de microplásticos
Paralelamente, o Concello colabora coa Asociación Ambiental Senda Nova na organización da Xornada de voluntariado para a sensibilización e limpeza de microplásticos que se vai realizar mañá a partir das 10:30 horas na praia das Salseiras de Caión.
As persoas que desexen participar poden anotarse enviando os seus datos persoais ao completo -para a tramitación do seguro correspondente- por whatsapp aos teléfonos 611037617 ou 654887468, ou ben por correo electrónico a sendanova@hotmail.com.